23 de abril Día Internacional do libro

abril 14th, 2010

A elección do 23 de abril como o día do libro e dos dereitos de autor débese á coincidencia da morte dos escritores Miguel de Cervantes, William Shakespeare e o cronista Inca Garcilaso de la Vega na mesma data no ano 1616.
A proposta foi presentada pola Unión Internacional de Editores á UNESCO co obxectivo de fomentar a lectura e para protexer a propiedade intelectual por medio dos dereitos de autor. O día 15 de novembro de 1995 apróbase a proposta en París. O día 23 de abril sería o Día Internacional do libro e do Dereito de Autor.

En Cataluña celébrase dunha forma moi especial o día do libro, Día de San Jordi.

Día internacional da muller

marzo 8th, 2010

A destrución das máquinas. O exemplo da Fábrica de Tabacos da Coruña recollido en El País. Diario
de Pontevedra (13 de decembro de 1857):
“O luns 7 do actual houbo un pronunciamento de mulleres na fábrica da Palloza desta cidade (A Coruña). Parece que no canto dos cigarros que antes se facían nesta fábrica, están agora ensaiando a construción doutros de diferente feitura e (…) crearon un taller de pitos cunha máquina para picar o tabaco. Como ambas as operacións son novas, non se prestan nin acomodan a elas as cigarreiras, porque non saben facelos, tardando tanto en elaboralos que apenas sacan a terceira parte do xornal que adoitaban (…). Alporizáronse aquelas catro mil mulleres, arremetendo contra os xefes e empregados do establecemento, destruíndo todo o tabaco (…), racharon e fixeron anacos as máquinas novas (…), tirándoas ao mar, o mesmo que os mobles, papeis, libros de caixa e efectos que atoparon nos cuartos do director”.

Pola igualdade

marzo 3rd, 2010

Mulleres que brillan no firmamento das artes e as ciencias entre tantas outras, anónimas e célebres, que contribuíron ao progreso da humanidade

A historia máis estendida sobre a conmemoración do 8 de marzo como “Día Internacional da Muller Traballadora” fai referencia aos feitos que sucederon nese día do ano 1908 en New York. Cento corenta traballadoras do téxtil morreron queimadas na fábrica onde traballaban en condicións inhumanas. Este grupo de mulleres declaráronse en folga para protestar polas súas condicións laborais. O incendio foi provocado polos propios donos da fábrica.
No ano 1910 durante o Congreso Internacional de Mulleres Socialistas propúxese facer unha homenaxe a aquelas mulleres precursoras da loita pola igualdade de dereitos e en contra da explotación. Créase así o “Día Interncional da Muller Traballadora”.
Conmemoramos a loita de tantas valentes mulleres, coñecidas e anónimas, ao longo da historia para conseguir un recoñecemento e igualdade de dereitos cos homes.
En pleno século XXI, en moitos lugares do mundo, a muller aínda carece dos dereitos básicos: á educación, á cultura, á opinión, á política e sobre todo á vida.

Segue habendo discriminación entre homes e mulleres. A un mesmo traballo realizado nalgunhas empresas non se paga igual a homes que a mulleres. Aínda queda moito para equiparar á muller en condicións de igualdade co home.

“Mediante o traballo foi como a muller puido franquear a distancia que a separa do home. O traballo é o único que pode garantirlle unha liberdade completa” (Simone de Bauvoir)

“A igualdade das mulleres e as dos nenos constitúe tamén un imperativo económico e social. Até que non se logre liberar as mulleres e as nenas da pobreza e da inxustiza, todos os nosos obxectivos- a paz, a seguridade, o desenvolvemento sostible- correrán perigo” (Ban-Ki-moon- Secretario Xeral das Nacións Unidas)

Concurso literario

febrero 5th, 2010

CONCURSO LITERARIO. IES XELMÍREZ I

Desde a Biblioteca e o Departamento de Lingua Galega, invitamos a participar nun concurso literario de microcontos a todo o alumnado do centro.

BASES:

1. Poderán participar todos os alumnos e as alumnas matriculados no IES
2. Convócanse dous premios en cada un dos seguintes niveis:
2.1. Nivel I: Alumnos de 1º e 2º de ESO
2.2. Nivel II: Alumnos de 3º e 4º de ESO e Bacharelato.
3. Os premios consistirán en:
3.1. Primeiro premio: Selección de libros de lectura e un MP4
3.2. Segundo premio: selección de libros de lectura e un pen drive
4. As obras premiadas serán publicadas na revista do instituto, O Camaleón, e exporanse temporalmente na biblioteca do mesmo.
5. Os microcontos terán unha extensión máxima de 20 liñas mecanografadas.
6. Todos os textos presentados a concurso deberán comezar coa seguinte frase :”Nunca puiden dicircho antes, pero agora tes que o saber.
7. O xurado estará formado por profesores e alumnos.
8. O xurado resérvase a posibilidade de declarar deserto algún premio, se, ao seu entender, a calidade dos traballos presentados fose insuficiente.
9. Os textos presentados deben ser totalmente orixinais e inéditos. A evidencia dun plaxio, total ou parcial, suporá a descualificación do concursante
10. O microconto deberá presentarse nun sobre pechado, en cuxo exterior se fará constar o título do texto, o seudónimo elixido polo concursante e o nivel polo que concursa.
11. Dentro do sobre e xunto co texto, deberá haber un sobre máis pequeno no interior do cal consten o nome, apelidos, curso e grupo do concursante.
12. O texto para o concurso pódese entregar a calquera dos profesores de Lingua Galega do instituto.
13. A data límite de entrega dos traballos finaliza o venres 9 de abril
14. O xurado fará público o fallo no mes de maio.

Rosa Aneiros no Xelmírez

febrero 4th, 2010
Rosa Aneiros no Xelmírez:

O día 9 de febreiro de 2010, ás 10,45, a escritora Rosa Aneiros impartirá no Xelmírez unha charla sobre as súas obras para o alumnado de primeiro de Bacharelato.