|
Juan Rulfo
-------------------------------------------------------------
(Jalisco 1917-Cidede de México 1986)
“Alvaro Mutis subió a grandes zancadas
los siete pisos de mi casa con un paquete de libros, separó del
montón el más pequeño y corto, y me dijo muerto de
risa: ''Lea esa vaina, carajo, para que aprenda''; era Pedro Páramo.
Aquella noche no pude dormir mientras no terminé la segunda lectura;
nunca, desde la noche tremenda en que leí La metamorfosis de Kafka,
en una lúgubre pensión de estudiantes de Bogotá,
casi 10 años atrás, había sufrido una conmoción
semejante” G. García Márquez.
|
|
|
| |
Juan Rulfo, escritor e fotógrafo, naceu en
Jalisco en 1918. A súa infancia estivo marcada por vivencias
tráxicas da Revolución Mexicana e a Guerra Cristera que
influirán decisivamente na súa obra. Coa publicación
de apenas dúas obras converteuse nun caso excepcional de celebridade
e gloria literaria, debido á recreación dun mundo de ficción
orixinal e sorprendente, tanto pola calidade estética como pola
densidade dos temas tratados. El Llano en llamas (1953) é
unha colección de quince contos protagonizados por desherdados,
indios e campesiños que sofren as inxustizas, a violencia e a
morte nunha sociedade dominada pola superstición, o caciquismo
e a tiranía.
Pedro Páramo (1955) ten sido considerada por máis
de un crítico literario como a mellor novela escrita en castelán
do século XX. Esta consideración de privilexio da novela
nace da complexidade e ambigüidade dos distintos elementos que
a conforman.
Unha novela marcada por máis dun enigma, e o primeiro deles é
saber se foi Pedro Páramo quen buscou a Juan Rulfo para que lle
dese vida e celebridade ou, mais ben, Juan Rulfo debe a súa sona
á creación de Pedro Páramo.O enigma formulado como
idea de busca e procura dun soño ou ideal é precisamente
o obxectivo e motor que pon en acción os protagonistas da novela,
mesmo desde a frase antolóxica con que dá comezo a trama:
“Vine a Comala porque me dijeron que acá vivía mi
padre, un tal Pedro Páramo”. Juan Rulfo acaba de convidar
ao lector a entrar nun universo cheo de interrogantes e intriga, para
os que precisa dunha resposta. Quen é este personaxe que nos
anuncia a súa viaxe en busca do pai? Por que e para que desexa,
en verdade, atopar un pai do cal semella que non sabe con certeza (“un
tal) nin o seu nome? Que buscará realmente? Haberá talvez
alguén interesado en que ache e coñeza o seu proxenitor?
Quen é ese “tal Pedro Páramo? Que é Comala?
Terá este lugar –real ou imaxinario- algún sentido
especial derivado de referentes históricos, culturais, míticos,
etc.? O lector verase arrastrado durante a lectura pola avidez de desenmascarar
todos estes misterios que, talvez, non teñan unha doada e diáfana
solución.
Rulfo recrea nun espazo fantástico, Comala, os mitos (aztecas)
da busca da Idade de Ouro e o Eterno Retorno por medio de personaxes
que habitan un mundo de sombras, convertidos eles mesmos en pantasmas
na procura da felicidade. Este universo mítico vese así
transformado nun Inferno de Dante como castigo polas trnsgresións
éticas dos mesmos personaxes (asasinatos, suicidio, violacións,
incesto, violencia). As fronteiras entre vida e morte quedan borradas
e a temporalidade, en consecuencia, está dominada pola anticronoloxía
e a non-causalidade, polo que o desorde e o caos presiden o universo
novelesco. Dos personaxes só saen ecos e voces ou mesmo o silencio,
convertidos en ánimas con nome que vagabundean por camiños
e rúas difuminados nun mundo fantasmagórico. A Revolución
Mexicana, a Guerra Cristera, o inmobilismo da sociedade mexicana, mundo
máxicos das tradicións, relixiosidade popular e supersticións
constitúen os círculos externos ou telón de fondo
da trama novelesca. O ritmo narrativo, a linguaxe forte e precisa, profundamente
poética e metafórica en ocasións e estilización
da fala popular noutras, trazan un modelo estético inigualable
na literatura en lingua castelá.
|
|