Pablo
Neruda, seudónimo de Neftalí Ricardo Reyes
Basoalto, nace na cidade de Parral, próxima a Santiago de Chile.
Mais a súa infancia transcorre en Temuco, cidade meridional da
Araucanía, onde seu pai, que enviuvara poucos días despois
do nacemento do poeta, traballaba como ferroviario e casara de novo
con Trinidad Candia Marverde, o anxo tutelar de Neruda, a súa
“mamadre”, como el a denomina. A forza natural
daquelas terras austrais -e o amor-, constitúen a fonte primeira
da que brota a poesía de Neruda: “De aquellas
tierras, de aquel barro, de aquel silencio, he salido yo a andar, a
cantar por el mundo”. De Pablo Neruda
poderíamos dicir, parafraseando o inicio de La vorágine
de J. E. Rivera: "antes de que se hubiera apasionado por mujer
alguna, jugó su corazón al azar y se lo ganó la
poesía", pois desde os días felices da infancia abre
de forma rotunda e definitiva as portas á poesía, paixón
que xa non abandonará até o final dos seus días,
poucos días despois dos tráxicos sucesos que concluíron
co derrocamento de Salvador Allende (1973). Esa paixón é
a que descobre o lector nos versos memorables de Veinte poemas de
amor, e revélase, acaso con maior intensidade, no sublime
Canto general, poema épico e maxestuoso en que o poeta
evoca e invoca a América telúrica, histórica e
social, desde as civilizacións precolombinas até os heroes
campesiños do Chile contemporáneo, e remata cun canto
á solidariedade do proletariado.
Residencia en la tierra representa a incursión plena
de Neruda na corrente vangardista do surrealismo. Son versos dun clima
anímico sombrío e desolador, forxados a partir de imaxes
oníricas que brotan dos abismos máis escuros da alma do
poeta.
En Odas elementales asoma a veta humorística, optimista
e exultante de Neruda para cantar realidades cotiás e prosaicas.
Con España en el corazón renace o compromiso
político e solidario de Neruda coa proposición dunha poesía
social e combativa nacida de experiencias tráxicas da Guerra
civil.
Outras obras de Pablo Neruda (Extravagario, Cien sonetos de amor,
Memorial de Isla Negra, Fulgor y muerte de Joaquín Murieta)
confirman a Neruda como un dos poetas máis fecundos que deu a
literatura do século XX, sen abandonar nunca unha forza oceánica
e paixón vitalista que espellea en cada unha das súas
páxinas ao igual que en todas as actuacións e manifestacións
da súa vida.
Confieso que he vivido, autobiografía en prosa,
é un dos libros de memorias máis fascinantes que
se teñan escrito; e non só pola elegancia da súa
prosa poética, senón tamén pola mirada lúcida
con que analiza os acontecementos culturais e históricos dos
que foi un importante protagonista. A visión tan cercana e vívida
que nos ofrece, tanto de destacados personaxes da literatura e a política
do seu tempo como de persoas anónimas coas que se relacionou,
deixan traslucir a humanidade e xenorosidade que caracterizou un home
que, se foi excesivo como poeta non o foi menos como persoa comprometida
e solidarias cos desherdadados da terra.