Alejo Carpentier
 

Webquest

Textos

Ligazón

 

 

   
 

 

 

 

“Y es que, por la virginidad del paisaje, por la formación, por la ontología, por la presencia fáustica del indio y del negro, por la Revelación que constituyó su reciente descubrimiento, por los fecundos mestizajes que propició, América está muy lejos de haber agotado su caudal de mitologías (...) ¿Pero qué es la historia de América toda sino una crónica de lo real maravilloso?”

“En América lo épico terrible o lo épico hermoso es cosa cotidiana”.

“Puestas en el Nuevo Mundo – la fuente de la Eterna Juventud, la áurea ciudad de Manoa, El Dorado, la Ciudad Encantada de los Césares- que buscara el compostelano Francisco Menéndez por tierras de la Patagonia- son espejos de maravillas y, al mismo tiempo, nuestra historia viviente”.
(
Alejo Carpentier)

Alejo Carpentier é recoñecido como un dos grandes mestres da prosa castelá. Musicólogo de profesión e afección, deixa traslucir en toda a súa produción literaria esta paixón musical, facilmente perceptible no ritmo, tema e estilo literario. O compromiso político e social coa realidade cubana e caribeña, presentes dun xeito singular en toda a súa obra, levouno ao exilio e a pasar un breve período no cárcere. Todas as súas obras revelan un esmerado labor estilístico, baseado no uso dunha linguaxe barroca e lírica, que é produto dunha sintaxe complexa e un selecto e rico vocabulario, con profusión de cultismos, neoloxismos, americanismos e recursos estilísticos estetizantes. En ningún outro escritor se produce unha simbiose tan perfecta entre literatura e arte barroca, especialmente musical e arquitectónica. A prosa de Carpentier ten o poder de enfeitizarnos polo luxo, a brillantez e sonoridade verbal, enredándonos nas volutas e ornatos das palabras, e o lector vese inmerso no cauce deslumbrante dunha prosa plena de evocacións plásticas e mundos galantes propios dunha época que se escapa ás medidas convencionais do tempo cronolóxico.

 

OBRA
As novelas e relatos de Alejo Carpentier presentan características recorrentes: os personaxes móvense nun espacio dual, articulado segundo unha dicotomía que contrapón o acá americano ao alá europeo ou, noutros termos, o ámbito do máxico, o onírico ou primordial, fronte ao mundo determinado por criterios racionais e modernos.

El reino de este mundo (1949). Novela histórica centrada nas revoltas de escravos de Haití e o reinado do tirano e megalómano Henri Christophe. O autor presenta os feitos históricos desde unha perspectiva mítica da cultura africana, especialmente visible no papel de dous protagonistas: Mackandal, o rebelde fuxitivo capaz de exercer o seu poder sobrenatural despois de morto, e o escravo Ti Nöel que dá unidade á obra.

El acoso (1956). Novela curta que reproduce o monólogo dun estudante afiliado a un grupo terrorista na Cuba do 1939 que, fuxindo duns non identificados perseguidores, entra nunha sala de concertos onde escoita a Sinfonía heroica de Beethoven, e posteriormente é asasinado polos mesmos compañeiros de grupo a quen traizoara.

Los pasos perdidos (1953). Diario ficticio dun músico cubano que parte cunha expedición ao Amazonas tratando de fuxir da civilización coa intención de construír un país da Utopía.

El siglo de las luces (1962). Novela ambientada no período revolucionario francés. Presenta unha estrutura de busca, tema recorrente en Carpentier, e está protagonizada por tres mozos –Carlos e Sofía, irmáns, e o curmán de ambos Esteban– que saen para Europa suxestionados polos ventos de liberdade da Revolución francesa. A estes personaxes únese Victor Hugues, tutor dos mozos despois da morte do pai, un rico mercader. Hughes é o personaxe que representa os ideais revolucionarios, mais vai dexenerando ao ritmo das ideas do movemento e, cando se embarca rumbo á Antillas para ser gobernador de Guadalupe leva consigo a guillotina, co argumento de que tamén leva o decreto que emancipa os escravos, e acaba converténdose nun tirano e pirata do mar do Caribe. Tanto Esteban como Sofía non atopan a utopía social que creron ver nos ideais revolucionarios.

Concierto barroco (1974), baseada nunha ópera de Vivaldi (Moctezuma), é acaso a novela onde o espírito barroco, a música e o indexinismo se harmonizan simbolicamente dunha forma máis evidente. A concepción musical da novela é o que explica a disposición da trama novelesca a partir de escenas e personaxes pertencentes a tempos cronolóxicos moi diferentes. A novela relata a historia dun indiano rico –el Amo- que, logo de deixar os luxosos tesouros amontonados en caixas nun galpón da súa mansión en México, e logo de contemplar a grandeza dos seus cadros, principalmente un óleo que representaba unha escena de Montezuma con H. Cortés e Doña Marina , parte en dirección a Cuba para emprender posteriorrmente unha viaxe por Europa. En La Habana morre o seu fámulo a causa dunha epidemia de febres malignas que asola a cidade e, cautivado pola maxistral narración que un mozo negro, de seu nome Filomeno, recita de fazañas dun avó lendario, el Amo tómao ao seu servizo. Chegados a España, percorren distintas cidades entre a constación da penuria reinante no país e a evocación das grandezas artísticas e literarias do pasadoespañol. Diríxense a Italia e participan nas festas do Carnaval veneciano. Alí, o Amo disfrazado de Montezuma, e Filomeno coñecen os compositores Vivaldi, Haendel e Scarlatti e na Grande Sala de Música dun convento, coa participación de membros da congregación relixiosa, organizan o máis “tremendo concerto grosso que pudieron haber escuchado los siglos” dirixido por Vivaldi, co contrapunto dos ritmos afrocubanos do negro Filomeno. O Amo relata perante o auditorio a historia de Montezuma, e Vivaldi decide compor unha ópera sobre o tema. Amo e fámulo asisten á representación da ópera creada por Vivaldi e o Indiano mostra a disconformidade polas falsidades históricas sobre que o libreto contén. Enfastiado dese ambiente decadente de Venecia, o Amo decide voltar a México, en tanto Filomeno decide visitar París, mais antes asiste a un concerto de Louis Armstrong nun salto cronolóxico de máis de dous séculos, pois na arte o que conta “é a ilusión poética”. Remata a obra cos sons de I can´t give you anithing but love, baby –“nuevo concierto barroco al que, por inesperado portento, vinieron a mezclarse, caídas de una claraboya, las horas dadas por los moros de la torre del Orologio”.


Semejante a la noche recrea as vivencias dun soldado nos instantes previos á partida das naves para a guerra de Troya. O relato da expedición fúndese, mediante unha concepción cíclica cronolóxica, coa saída da frota americana para a Guerra europea.

El recurso del método (1974). Obra que se enmarca no grupo de “novelas de dictador”, como El señor Presidente de Miguel Ángel Asturias, El otoño del patriarca de García Márquez, etc. Carpentier presenta a historia dun tirano afrancesado e ilustrado nunha temporalidade arquetípica, con referencias aos enfrontamentos cos xenerais que pretenden destituílo, a represión dos opositores, asentamento do rexime e ocaso do dictador exiliado en París.

La consagración de la primavera (1978). Vén ser a crónica como espectador do triunfo en Cuba da Revolución, un mito que o autor tenta como unha das novas realidades que a secuencia da Historia xustifica.

El arpa y la sombra (1979) constitúe unha desmitificación da figura de Colón.